O 17 de maio de 1863 é unha data inesquecible. Foi o día no que, logo de 300 anos de silencio imposto, o galego que as nosas xentes mantiveran vivo nos tempos escuros se ergueu de novo, na voz de Rosalía, con ecos dunha vibración colectiva.
En Cantares gallegos están os ritmos e as coplas da nosa música e poesía tradicional, sostidos e elevados na voz poética de quen tiña un sentido innato do ritmo, a capacidade de ir máis alá dos prexuízos dunha época e a ousadía de explorar un territorio ermo para atopar o xeito de pór por escrito unha lingua sen normas nin modelos.