Follas novas conéctanos coa Rosalía máis existencial e íntima. Dá continuidade ás liñas abertas por Cantares gallegos, mais explora, tamén, novos vieiros de expresión poética nos que latexa o persoal e o colectivo, a dor do ser que se sabe mortal e da colectividade que sofre a emigración.
Fúndense, neste poemario, a sombra íntima, ateigada de simbolismo, aínda hoxe suxestivo e inesgotado, e a voz social, que clama pola xustiza. Sendo un libro profundamente galego, érguese ao universal e como tal foi acollido e estudado alén das nosas fronteiras.